A escritora Antía Yáñez estará na biblioteca da EOI o vindeiro venres, 5 de maio, ás 12.15 para falar con nós da súa novela "Non penses nun elefante rosa". Hai algúns exemplares da obra na biblioteca por se a queres comezar a ler antes do encontro. Aquí vai o texto da contraportada para engancharte:
Aurora é nova, independente, ten traballo, amigas, vive soa na cidade, le novelas eróticas, sae cando quere e déitase con quen lle prace. Todo sería perfecto... se non fose porque na súa existencia case nada vai como debería. A súa vida cambalea, a súa parella abandonouna, foxe das súas amigas para non ter que dar explicacións e prefire manterse afastada da familia. Un día, por casualidade, Aurora coñece a Brais, un neno de dez anos, curioso, impertinente, con pinta de superdotado pero de familia desestruturada, do que non é quen de librarse.Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia de Aurora, unha «millennial» autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é capaz de controlar.As páxinas de «Non penses nun elefante rosa» son divertidas, atrevidas, profundas, politicamente incorrectas e vertixinosas, e arrastrarán canda si moitas lectoras e lectores que lerán esta novela coma se visen unha serie sobre o tempo que vivimos. Fonte: https://www.xerais.gal/libro.php?id=6899041
Lembra que aínda que non leras o libro, podes achegarte igual á biblioteca o venres para escoitar a Antía. Seguro que paga a pena!
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario