Magosto na EOI e concurso de doces elaborados con castañas


O Equipo de Dinamización de Lingua Galega da EOI de Ourense participa na tradicional celebración do xantar de magosto na EOI o vindeiro xoves, 6 de novembro ás 14.00 horas, coa convocatoria dun concurso de doces elaborados co produto típico desta festa, a castaña.

BASES DO I CONCURSO DE DOCES ELABORADOS CON CASTAÑAS

1. Poderá participar todo o alumnado matriculado na EOI Ourense este curso, así como todo o persoal do centro.
2. Cada participante poderá presentar ao concurso un único doce.
3. O doce deberá ser feito na casa (non poderá ser comprado) e un dos seus ingredientes deberán ser as castañas. 
4. Os doces presentados a concurso deberán estar listos para degustar, en perfectas condicións de consumo e nun recipiente desbotable e que poida reciclarse.
5. Xunto co doce achegarase a receita escrita en galego, na que aparecerán o nome do doce, os ingredientes, as cantidades e os pasos necesarios para a súa elaboración.
6. Ademais, entregarase un sobre pechado que conteña os datos persoais da persoa participante (nome, apelidos e teléfono de contacto).
7. No momento da entrega, cada doce será identificado cun número, que se asignará en orde de chegada. O número farase constar na receita e no sobre pechado cos datos persoais. Así mesmo, cada persoa participante recibirá unha tarxeta co número do seu doce. 
8. A entrega dos doces, xunto coas receitas e os sobres cos datos persoais, realizarase entre as 08.30 e as 12.00 horas do xoves 6 de novembro na Conserxería da EOI.
9. A partir das 12:30 h. reunirase o xurado (formado por un representante do EDLG, dous representantes do profesorado e un representante do persoal de administración e servizos) para escoller o doce gañador, atendendo aos seguintes criterios:
Sabor (5 puntos).
Presentación (2,5 puntos).
Redacción da receita (2,5 puntos).
10. Cada compoñente do xurado puntuará cada doce en cada un dos aspectos. A suma total das votacións do xurado será a puntuación de cada doce. En caso de empate procederase a unha votación a man alzada para escoller o doce gañador. O fallo do xurado darase a coñecer ese mesmo día 6 de novembro durante a celebración do xantar de magosto na EOI.
11. O doce gañador recibirá como premio un vale de 50€ para unha librería local, ofrecido polo EDLG.
12. Os doces presentados ao concurso consumiranse no xantar do magosto que se celebrará na EOI ese mesmo día 6 de novembro a partir das 14.00 horas na cociña da EOI. Tamén se poderán traer doces fóra de concurso.
13. As persoas participantes outorgan o permiso para que sexa recollida en fotografías e vídeos a imaxe das súas creacións e, así mesmo, o seu posterior uso por parte da EOI de Ourense.
14. A participación no concurso implica a aceptación destas bases.


 

Comentarios