Gañador do Concurso de Fraseoloxía e Imaxe de Outono

 


Xa temos gañador desta edición do Concurso de fraseoloxía e imaxe de outono do EDLG: Manuel Aguiar Rivela, alumno do Departamento de Galego. Moitos parabéns a Manuel e moitas grazas a todas as persoas que participaron!

Reproducimos a continuación o texto e mailas fotografías que nos enviou Manuel:


"Ano de ourizo non enche o canizo". 

Non foi este 2022 bo ano para a castaña. Aínda que a produción foi mor ca outros anos e había moita esperanza despois de tratar as árbores con éxito contra a avespa (Dryocosmus kuriphilus), a cal tiña feito moito dano, o tempo non axudou moito.

Din os vellos que o castiñeiro quere en agosto arder e en setembro beber. Arder ardeu, a seca fixo moito mal para a xente que vivimos do que dá a terra e este ano non ten sido bo para ningún cultivo. Botaron moito ourizo algo cedo co cal a expectativa era boa, pero a auga veu tarde e excepto aquelas razas delas que son algo máis serodias o froito foi ruín e escaso. 

Achego dúas fotos, a falta dunha, na primeira podemos ver á Gloria, a miña nai, nun souto que temos nun lugar ó que lle chamamos á Chaira. Na segunda está a lareira da casa dos meus avós, en Freande, hai xa uns anos. Por riba dos lareiros dos chourizos púñase o canizo, que é unha especie de sebe tecida de verga onde se secaban as castañas á calor do lume para poder comelas todo o ano. Ó ser mal ano delas non houberamos enchido o canizo. 

Sei que a frase tamén se emprega no portugués, polo menos na zona de Mirandela, no distrito de Braganza, onde temos un compañeiro que ten castiñeiros e tamén sabe dela. 






Comentarios