Día europeo das linguas

 


Cada 26 de setembro, o Consello de Europa convídanos a celebrar o Día europeo das Linguas. Segue a ler e descubrirás millóns de razóns para sentirnos orgullosas da nosa diversidade!

Celebremos a diversidade lingüística

O noso planeta está habitado por máis de sete mil millóns de habitantes que, á súa vez, falan entre 6000 e 7000 linguas distintas. Algunhas destas linguas, coma o inglés ou o chinés, son faladas por millóns de persoas, mentres que outras só son utilizadas por uns miles ou tan só uns poucos falantes. De feito, o 96 % das linguas no mundo son faladas por só o 4 % da poboación. Os europeos a miúdo cren que o seu continente conta cun número excepcional de linguas, especialmente comparado con Norteamérica ou Australia. Con todo, unicamente o 3 % do total –225 linguas– son indíxenas europeas. A maior parte das linguas do mundo fálanse nunha zona ampla a ambos os dous lados do Ecuador – no sueste de Asia, na India, en África e en Sudamérica.

Aínda que moitos europeos cren que ser monolingüe é a norma, a realidade é que entre a metade e dous terzos da poboación mundial é dalgún xeito bilingüe, mentres que un número significativo é plurilingüe. O plurilingüismo podería considerarse como unha condición máis natural que o monolingüismo para o ser humano.

A diversidade de linguas e culturas, como a biodiversidade, é considerada cada vez máis como algo positivo e fermoso. Cada idioma ten a súa propia maneira de ver o mundo e é produto da súa propia historia, todas as linguas teñen a súa identidade individual e o seu valor e todas son igualmente axeitadas como modos de expresión para as persoas que as empregan. Os datos relativos á velocidade á que a cativada aprende a falar amosan que non hai unha lingua que sexa intrinsecamente máis difícil que outra. Ler máis:

https://edl.ecml.at/Home/Thecelebrationoflinguisticdiversity/tabid/2972/language/gl-ES/Default.aspx

Preme aquí para participar nas actividades en liña:

https://edl.ecml.at/Home/tabid/1455/language/gl-ES/Default.aspx

Comentarios