Outra achega á Galicia Infinda


Fotografía: Cortesía de Laura González Gómez


Compartimos outra achega ao concurso literario "Galicia Infinda", organizado polo EDLG para conmemorar o Día das Letras Galegas. Neste caso, o texto e a fotografía son de Laura González Gómez, alumna do Departamento de Galego. Moitas grazas, Laura!

Un día de setembro,  despois dunha comida familiar co meu primo,  recibín una fotografía por “WhatsApp” do meu pai cando era novo.

Non era un retrato calquera,  parecía mesmo un actor de cine, ergueito nun penedo co traxe de baño e co cigarro na boca.  Ao fondo podíase ver unha fermosa fervenza, que me engaiolou. 

Estaba en Marrocos onde vivía cos seus pais e irmás. Estes eran os anos da ditadura en España, nos que,  ademais de non haber liberdade, tamén había pobreza. Pola contra, alí era todo diferente. O meu avó era empresario e tiña unha conserveira en Casablanca, vivían moi ben nun chalé con todos os luxos os que podían aspirar.  Dito doutro xeito, mandaban en avión o meu pai para estudar no internado “Lecaroc” no País Vasco. Cando tiña 18 anos compráronlle un coche, as miñas tías aprenderon inglés en Inglaterra …

Ora ben, non todo foi como unha seda … Vivían no protectorado francés e cando terminou a ocupación botaron a todos os estranxeiros e quedaron coas empresas, fixeron ampliacións de capital ata deixalos sen nada. Non podían sacar os cartos do país. Polo que algúns contan, volvían para gastalos en xoias, ostentosas viaxes e grandes lupandas.

A emigración sempre ten dúas caras: por unha banda,  consegues unha vida laboral máis próspera,  mais pola outra, nunca deixas de ter morriña  e nunca sabes certamente se esa vida é “mellor”.

 LAURA GONZÁLEZ GÓMEZ




 

Comentarios