Mes de abril, vacacións e refráns!

 


Chegou o mes de abril e chegaron as vacacións de Semana Santa! O refraneiro galego está cheo de referencias a esta época do ano, desde o tempo ata a comida. Como mostra, aquí vai un textiño publicado recentemente: 

"O un de abril van os burros onde non deben de ir” fai referencia ao antigo Día dos inocentes celebrado tal día despois de que o calendario Gregoriano en 1582 movese o aninovo de abril a xaneiro. Era broma convidar a unha festa que xa non había. Mes ruín: “Abriles e cabaleiros son ás veces traicioneiros”, pero de pouco traballo: “Abril déixame durmir que no maio é onde eu me caio”. A maioría, coma sempre, do tempo. “Abril mollado de pans vén cargado”. “Se neva en abril de cen augas nacen mil”. “Vale máis un trebón en abril que os bois, o carro, e o que vai nil” .“En abril augas mil, cantas máis puideran vir”. Moitos fan referencia á Semana Santa: “Que altas que baixas en Abril son as pascuas”, e é, contrariamente aos nosos gustos, bo que chova: “Pascuas enxoitas, nin poucas nin moitas; pascuas molladas, colleitas dobradas”. Mala época para a sardiña e boa para o salmón: “Quen queira mal a unha veciña, déalle en abril sardiña” ou “O salmón en abril pra min, en maio pró criado e en San Xoán pró can”. En fin, hai centos, porque é mes importante: “Abril e maio son as chaves do ano”.


A bolboretiña do día. Refráns de abril.
Afonso Vázquez Monxardin
1/04/ 2022

Queres saber máis? Consulta o refraneiro galego. Feliz descanso!

Comentarios