Dende 1967, o 2 de abril, data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, a International Board on Books for Young People (IBBY) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil coa fin de fomentar a lectura entre os máis novos.
Cada ano, unha sección nacional do IBBY convértese na patrocinadora internacional desta celebración e ten a oportunidade de seleccionar un escritor ou escritora e un ilustrador ou ilustradora do seu país. Xuntos elaboran unha mensaxe dirixida a todos os nenos e nenas do mundo e máis un cartel que se distribúe por bibliotecas, centros escolares, librarías, etc.
Este año correspondeulle á sección de Canadá, que difunde a mensaxe do escritor Richard Van Camp (co título de «As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día»), ilustrado por Julie Flett. Na páxina web do IBBY podes ler a mensaxe e atopar máis información sobre o autor e a ilustradora.
Para conmemorar este día, suxerímosche a entrevista realizada por Xesús Fraga, xornalista de La Voz de Galicia, ao profesor John Rutherford, fundador do centro de Estudios Galegos da Universidade de Oxford. O motivo non é outro que a tradución ao inglés dunha obra clásica da literatura galega: Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Le a entrevista.
Se queres saber algo máis sobre a situación da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, consulta o artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario: Celébrase o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha das fortalezas da industria editorial galega.
Ademais, calquera escusa é boa para dar unha unha volta polas librarías da cidade. Antes da saír, bótalle unha ollada aos catálogos de dúas das editoriais galegas de libros infantís máis coñecidas: Kalandraka e OQO.
E por último, se che apetece comezar a escribir, participa no I Premio de Literatura Infantil Simbad para o recordo e o alzhéimer, un certame literario destinado a concienciar a sociedade sobre a enfermidade do alzhéimer a través da literatura infantil. O prazo de presentación de orixinais estará aberto entre o 24 de marzo e o 15 de agosto. Consulta as bases.
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario