O Día Mundial da Poesía foi creado pola UNESCO co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e de fomentar a visibilización das linguas que se atopan en perigo. Como a propia UNESCO sinala, é unha ocasión para honrar os poetas, revivir a tradición oral a través dos recitais de poesía, promover a lectura, a escritura e o ensino da poesía, fomentar a converxencia entre a poesía e outras artes como a danza, a música e a pintura e aumentar a visibilidade da poesía nos medios.
Dende o EDLG, sumámonos á celebración do Día Mundial da Poesía cunha homenaxe a unha poeta ourensá, Alba Cid, que recibiu o "Premio Nacional de Poesía Joven" do Ministerio de Cultura e Deportes pola súa obra "Atlas".
HISTORIA APÓCRIFA DOS TULIPÁNS
OU AS ALUCINACIÓNS NOS PAÍSES BAIXOS
1
as plantas perennes precisan de moito tempo para crecer. é o caso
dos tulipáns,
as frechas envelenadas do teixo,
as historias.
2
contra a crenza popular
-- floristas incluidas --,
os tulipáns non son orixinarios de Holanda, senón de Anatolia.
esa é a aclaración que introducirei canda as mans na terra;
artillería de sedas, prudencia inútil
dunha alianza que cambias de dedo e perdes igualmente.
tal vez che musite, incluso,
que Anatolia procede do grego,
que desde os peristilos xónicos significaba leste
e conforme se erguían as mil cincocentas estancias do palacio de
Cnossos,
a palabra soldábase con ana + tellein, que vén sendo
alba, que vén sendo
erguerse sobre calquera horizonte.
pequena occidental,
confías na historia das palabras
porque nunca puideches confiar na dos homes.
3
en Ankara ou Kayseri
cando un pequeno non pode durmir
un adulto pel-de-cedro
póusalle unha man sobre o peito e conta a historia do barco que se fai ao mar.
a man é poderosa: controla a respiración do insomne
ao tempo que reproduce a viaxe marítima
deste modo,
o mar Exeo inicia baixo as costelas
e o navío que fará chegar os primeiros tulipáns ao norte de Europa
deixa
unha sombra moito máis densa que a das algas
4
ten coidado de plantalos coas raíces cara abaixo, dis.
foi así. os holandeses comeron os bulbos chegados de Turquía
convencidos de que eran cebolas. cortáronos, guisáronos,
imaxina familias enteiras mastigando diminutos
códices
de cores futuras
arredor de grandes mesas de ameneiro.
despois das comidas, tiñan pesadelos.
na bolsa tamén di que pode agregarse fariña de ósos ou calquera
outro fertilizante
para o ben da planta
pero aquí non temos diso.
como xustificariamos aquí o luxo da carne ausente,
o luxo da terra negra
para unha simple floración.
5
a finais de abril,
sen cultivador oficial de palacio,
quen dirá sois sage, ô ma douleur
a unha perla otomá.
quen dirá non te abras,
aínda non,
as terras do Oeste non che serán propicias.
Alba Cid participou este 21 de marzo nun recital na Cidade da Cultura dentro do ciclo "Na biblioteca de Galicia lese poesía".
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario