Encontro literario con Arantza Portabales

 




O vindeiro luns 27 de marzo, a escritora Arantza Portabales estará na EOI para comentar con nós a novela A vida secreta de Úrsula Bas e presentar a súa obra máis recente, un novo misterio dos detectives Abad e Barroso. Será ás 18.00 horas no Salón de Actos

Aínda non liches A vida secreta de Úrsula Bas?  Aquí vai un pequeno resumo para que vexas o que estás a perder: 

Dun día para outro, e sen que se saiba o motivo, desaparece unha escritora de sona. O seu home pon unha denuncia na comisaría de Compostela á que, logo dunha baixa prolongada, se acaba de reincorporar Santi Abad. Tras a resolución do “caso Alén”, o asasinato que pouco máis dun ano antes fixera abalar os alicerces do mundo da arte e da sociedade galega, o inspector Abad e Ana Barroso, ascendida a subinspectora, volven formar equipo. Logo do suceso obtido con Beleza vermella, Arantza Portabales pon outra vez en liza a problemática e inestable parella de policías. Amor e eficacia, intelixencia e desconfianza, paixón e violencia.

Cunha trama de ritmo e acción fulgurantes, A vida secreta de Úrsula Bas penetra, camada a camada, sen dó e cunha potencia narrativa engaioladora, na dobre vida dunha muller que se deixa arrastrar pola forza subxugante do descoñecido, pola atracción e misterio dun ser verdadeiramente perverso.

Pasa pola biblioteca e pide un exemplar xa! Tamén podes vir escoitar a autora aínda que non leras a novela. Seguro que paga a pena!

Comentarios