Reto Letras Galegas: Portadas Mudas

 




O EDLG convídavos a participar na derradeira actividade deste curso, coa que celebramos o Día das Letras Galegas. Este ano homenaxeamos a Francisco Fernández del Riego, escritor, intelectual e político galego. Cada día a partir de hoxe publicaremos a portada dunha obra da literatura galega, pero será unha portada "muda", é dicir, non aparecerá nin o título da obra nin o autor ou autora. 

O reto consiste en descubrir de qué obra se trata. As portadas aparecerán cada día no corredor da EOI (na subida ao primeiro andar), no blog do EDLG e nas redes, xunto cun pequeno resumo, para que non sexa tan difícil! Ao cabo de dez días, publicaremos tamén un formulario para que subades os títulos das obras. Sortearemos un agasallo entre todas as persoas que identifiquen correctamente as dez obras. Por certo, todas elas están na biblioteca da EOI.

Aceptas o reto? Pois aquí vai xa a primeira "portada muda". Sorte coa investigación!



Cres que é difícil? Aquí vai un pequeno resumo...

[...] é unha historia de amor, melancolía e liberdade. Un grande amor en tempo de guerra e posguerra que chega ós nosos días entre Marisa Mallo, unha fermosa moza de Fronteira, filla dunha familia reaccionaria e o médico republicano Daniel Da Barca, posuídor da beleza tísica e seguidor da teoría da realidade intelixente do doutor Nóvoa Santos. Fronte a eles a mirada escrutadora dun home que non tiña medo, Herbal, o garda da cadea da Falcona que verá restaurada a súa condición de ser humano por obra e gracia de tantas formas de amor como o lapis do carpinteiro lle foi ensinando a debuxar. [...] é testemuño dunha traxedia curativa, unha metáfora de tódalas guerras, unha loita contra o esquecemento que demostra o poder salvífico do amor. Esta excepcional novela ficará no lector gravada coma un engrama, coma o sulco dunha cicatriz que rescata o mellor da nosa memoria. [Fonte: Editorial Xerais]





Comentarios