Seguimos avanzando no reto das portadas mudas. Recoñeces a número 5? Aínda que non a lemos no Club de Lectura, a persoa que a escribiu estivo na EOI o curso pasado e pasamos unha tarde moi amena con ela...
Aquí vai o resumo:
Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, [...], a novela de [...], gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica novela con valentía, claridade e tenrura.
Volvemos o vindeiro luns coa seguinte portada. Feliz fin de semana!
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario