Gañadora do Concurso de Microrrelatos Espantosos

 


Xa temos gañadora de segunda edición do Concurso de microrrelatos espantosos: Iria Cebreiros Trigo, alumna de galego, co seu relato Non mires. Moitos parabéns a Iria e a todas as persoas que participaron no concurso!

Publicamos a continuación o relato gañador. Axiña publicaremos tamén unha recompilación de todos os relatos recibidos. Non os perdades!


Non mires

Choiva, pasos, camiño, non penses, e segue amodiño, sempre lle decía a súa nai.

Rememoraba esta advertencia mentres camiñaba cos pés cheos de lama, a mirada baixada e o corazón encollido, ao pasar por aquel escuro camiño.

A luz do farol, non era suficiente para alumar a totalidade do vieiro. Ollaba tímidamente para non chocar coas pólas das árbores, que asubiaban polo forte vento. Sentíase observada e acosada por aquel ser que se agochaba entre a maleza.

A cada paso que daba, máis tremía. Aquel monstro de tez pálida, por cada bágoa ou berro recibía máis tempo de vida. De cando en vez sorría para que a tenue luz mostrase os seus afiados dentes.

Aquela sensación de impotencia ao non poder aumentar o ritmo do camiñar, consumíaa por dentro, como o levaba facendo todas as noites da súa vida. Quen sabe se aquela foi a derradeira.

Iria Cebreiros Trigo


Imaxe: Freepik




Comentarios