O Club de Lectura e o EDLG convidámoste a ler

 


Coñeces a Marilar Aleixandre? Escritora, tradutora, bióloga, catedrática na Universidade de Santiago de Compostela, membro do pleno da Real Academia Galega... O Club de Lectura e o EDLG convidámoste a ler a obra coa que gañou o Premio Blanco Amor 2020, As malas mulleres, publicada pola Editorial Galaxia:

A través das páxinas de As malas mulleres, asistimos a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entendermos a nosa historia e as do “mudo coro das malas mulleres”, que entoa prantos sobre encontros cos predadores sexuais.

A novela está escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.

Como é habitual na obra de Marilar Aleixandre, a novela vai enmarcada nun ton poético e, sobre todo, nunha trama ben armada e chea de rexistros literariamente moi potentes.


E se precisas algún motivo máis para comezar a ler, darémosche un de peso: Marilar Aleixandre participará nun encontro co Club de Lectura e con todas as demais persoas da EOI que estean interesadas na súa obra o día 8 de marzo de 2022 ás 18.00 h. Haberá un número limitado de exemplares de As malas mulleres para empréstito na biblioteca. Non agardes máis e reserva o teu!





Comentarios