Presentamos a 6ª edición de aRi[t]mar galiza e portugal, un proxecto ideado e desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela que ten como obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países.
Organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de Galego e de Portugués, ao longo do ano lectivo o alumnado traballa de forma didáctica os textos e as músicas. Posteriormente, escóllense mediante votación online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, nesta edición, as do 2020.
Como colofón, no segundo trimestre do ano celébrase unha Gala de premios coas actuacións e as intervencións das persoas ou bandas galardoadas. A gala conta co patrocinio das secretarias xerais de Cultura e de Política Lingüística da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e tamén coa colaboración do Instituto Camões, cuxos centros de España e Portugal tamén participan na escolla dos premiados.
"Ao constatarmos que esta iniciativa está a ter moi boa acollida entre o noso alumnado e o profesorado, mais tamén entre o público en xeral, e vendo que está a contribuír a que os nosos estudantes aprendan galego e portugués coa motivación engadida de traballaren tamén coa música e a poesía, a rima e o ritmo, decidimos compartilo e convidarmos outros centros de ensino, entre eles o voso, que xa participastes nas pasadas edicións, centros en que, ademais de galego, se ensina portugués (e en portugués) ou centros onde a música e/ou literatura é un elemento central da oferta académica."
Esperanza Moreiras Cuñarro
Xefa do Departamento de Galego
Escola Oficial de Idiomas de Santiago
Na web https://aritmar.gal/edicion-2021/ podedes escoitar os vídeos coas cancións finalistas e acceder aos formularios das votacións. Temos até ao día 20 de marzo para votar. Participa!
Comentarios
Publicar un comentario
Deixa aquí o teu comentario